Tras os resultados da enquisa realizada na empresa na que traballamos, e na que dende hai moito tempo estamos a sufrir, semella que a Dirección de Recursos Humanos trata de tomar medidas para darlle volta á situación.
Segundo nos transmitiron ás representacións sindicais o pasado día 20 de outubro “es un empeño del Consejero Delegado del Banco”.
Pola nosa parte, xa puxemos de manifesto a nosa clara vontade de colaborar, para detectar e solucionar as actuacións que impidan ou dificulten a consecución de un clima laboral de respecto, e no que sexa posible unha verdadeira conciliación da vida persoal e laboral.
A época das continuas multiconferencias, das repetitivas peticións de datos, das reunións extenuantes que eran utilizadas ademais como método de coacción e de castigo, teñen que formar parte xa do triste pasado.
A época de traslados caprichosos, de negación de traslados cerca do domicilio do traballador/a, de enviar ou manter nais con fillos/as pequenos/as o máis lonxe posible do seu domicilio, de tomar represalias con quen exercía os seus dereitos, ten que rematar xa.
Foron precisas numerosas denuncias de atropelos, prolongacións extenuantes e continuas da xornada, tratamentos vexatorios, etc, ante a Dirección de RRHH, e sobre todo das Inspeccións de Traballo; foron precisas sancións por parte das ditas Inspeccións de Traballo, foi necesaria a percepción da clientela da situación laboral na que nos atopamos dende hai tanto tempo, para que as altas esferas decidiran pedir a opinión do cadro de persoal, para que emerxera a realidade xa coñecida. Por eles tamén.
Temos que estar vixiantes, xa que cos actuais directivos e xestores de RRHH, que levan actuando, durante tanto tempo, arbitraria e despoticamente, semella un obxectivo difícil de alcanzar.
Animámosvos a todos e a todas a levar un rexistro privado dos horarios de traballo, das reunións, das multiconferencias e de calquera feito relevante, xa que pode ser de moita utilidade ante calquera conflito futuro.
É posible? SI
É probable? ¿?
É necesario? XA!!!
Galiza, 4 de novembro de 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario