28 de out. de 2009

¡Despedidos Readmisión!
Compañeiros: ¡Reacción!

Banesto gañou 669 millóns de euros nos últimos 9 meses (111.000.000.000 de pesetas). Banesto foi unha das Entidades que máis cartos pediu ao Estado polo conto da “crise”. Banesto a 30 de setembro de 2008 tiña 9.718 empregados/as en todo o Estado. Banesto a 30 de setembro de 2009 ten 9.093 empregados/as. Banesto nun ano de ganancias liquidou 625 empregos. Banesto pechou 150 oficinas no conxunto do Estado. Banesto en Galiza desde 30/06/08 conta máis de 40 baixas dun censo de 564 traballadores/as.

Banesto e os “sindicatos maioritarios” contáronnos en xullo deste mesmo ano que firmaran un “acuerdo de empleo....”.

Foi unha Gran Burla, pois se os resultados son os que son, e os representantes sindicais asinantes non fan máis do que están facendo (mirando a outro lado consentindo a desfeita) e renuncian á reacción conxunta e contundente, pero non só nun par de comunicados e manifestacionciñas locais en catro puntos do Estado para lavar a cara, senón ás mobilizacións multitudinarias nos centros neurálxicos da empresa, ás asembleas de traballadores/as, e se é preciso aos paros e ás folgas (ferramentas estas que hai moito tempo esqueceron que existen), entón, é que todo estaba estudado e aprobado de antemán, e os traballadores/as seguiremos totalmente vendidos.

Os compañeiros e compañeiras que foron á rúa teñen nomes, lembrádevos: Toño, Lorena, Manolo, Lidia, Marta, Daniel, Martina, Mirian, Beatriz, Engracia, Silvia, Vanesa, María, Sonia, Anabel, Cristina, etc., etc. Bos compañeiros/as e traballadores/as comprometidos, aos que o banco lles paga agora os seus desvelos coa “oportunidade” de conciliar por fin a súa vida familiar; iso si, nas colas do paro como podemos vernos os/as que aínda quedamos, en calquera momento.

Na CIG estamos decididos a rematar con esta situación e a pelexar para que as persoas despedidas sexan readmitidas, pois non estimamos ningunha causa obxectiva para tal desmesura.

Necesitamos o apoio de todos e todas vós. Cada día que prolongamos unha xornada en toda as súas variedades, mentres os i-rresponsables de RR.HH. nos están deixando todas as oficinas de Galiza “en cadro” porque saben que rebentaremos no esforzo se fai falta e a eles sairanlle ben as contas, estaremos reforzando a política de Regulación de Emprego Encuberta que están levando a cabo. Se somos capaces de dar unha resposta unificada pararemos isto, do contrario seguiremos ben fodidos.


Nós, a CIG, estamos na rúa. Os pasados días 21, 22 e 23 deste mes estivemos máis de 50 delegados/as unha hora cada día coa pancarta diante da O.P. de Ourense reclamando publicamente a readmisión dos despedidos/as e o cese desta barbarie laboral.

Seguiremos facendo todo o que estea nas nosas mans, non o dubidedes, non tardaredes en vernos noutra praza, por nós non vai a ser. ¡Vanse decatar neste banco que aló menos queda un sindicato en pé e chámase CIG, por se non o lembraban!

Galiza, 28 de outubro de 2009

Ningún comentario:

Publicar un comentario