8 de xan. de 2010

O que non contan dos sábados: non serán operativos

A libranza dos sábados é unha vella arela dos traballadores e traballadoras do sector financeiro, que a CIG, sindicato maioritario na banca en Galiza, viu defendendo na negociación colectiva e avanzando na libranza sen contrapartidas na negociación a nivel de empresa.

Agora, outros están aproveitando de xeito bastardo esta sentida reivindicación histórica do sector enganando ao persoal, “avanzando” os grandes grupos bancarios na libranza de todos os sábados con custosas contrapartidas: flexibilidade e/ou cambiando sábados pola apertura dos xoves polo serán, copiando o obsoleto horario das Caixas.

En primeiro lugar hai que lembrar que o Banco de España, a Bolsa e a metade do sistema financeiro estatal xa non abría as oficinas os sábados (banca estranxeira e caixas de aforros).

Agora o mercado financeiro único no seo da Unión Europea, dará un paso adiante debido a profundización progresiva dos sistemas únicos de pagos xa existentes, con novas plataformas de servizos.

Por unha parte polo TARGET2, a constitución dunha plataforma de pago única compartida a nivel europeo para grandes pagos.

Pero especialmente pola implantación dunha nova fase do SEPA, unha zona única de pagos, dirixida aos cidadáns para que podan realizar pequenos pagos en toda a zona dende unha conta bancaria única (centralizará as transferencias, adeudos, pagos, tarxetas, etc., dos particulares).

Neste senso a Banca en Europa non abre os sábados e, polo tanto, os novos servizos de ámbito europeo, que substituirán progresivamente aos servizos estatais tampouco. Polo que a curto prazo os sábados non serán operativos.

Estamos ante unha estafa laboral en toda regra, os bancos pechan os sábados por non ser rendible manter as oficinas abertas con grandes limitacións operativas, pero o presentan como unha cesión ante a “presión” sindical e a cambio de custosas contrapartidas.

No Banco Santander ou no Grupo Popular a libranza dos sábados tivo como contrapartida a flexibilidade horaria absoluta (os sindicatos de toda Europa rexeitan a flexibilidade, agás CCOO e UGT na banca española). No BBVA, Entidade na que só se traballaban 12 sábados ao ano, pretenden cambiarse por 25 tardes dos xoves.

En definitiva a crise é deles, se queren pechar porque non será rendible que pechen. E se queren pechar porque os sábados non son operativos que pechen. Pero que ninguén nos trate de enganar, o persoal non ten que ceder nada a cambio.
Galiza, 23 de decembro de 2009

Ningún comentario:

Publicar un comentario