27 de maio de 2011

Que facer ante o despido

Ante os despedimentos e dado que hai rumores interesados sobre os mesmos, (que se o persoal cobrou máis do que lle correspondía, que hai promesas de que volverán contar con eles no futuro, etc.), consideramos fundamental informarvos de como debedes proceder se sodes vítimas desta política de despedimentos:



· O persoal está sendo citado na Coruña para ser despedido. Se recibes algún tipo de comunicación ou aviso, solicita a presenza dun delegado/a sindical para que te acompañe á reunión.



· O despedimento debe estar xustificado legalmente, non pode ser por capricho. A empresa alega que se trata de reducir custes, pero a lexislación establece claramente uns pasos para despedir que Banesto está obviando, consciente da debilidade dos seus argumentos.



· Ante calquera liquidación, finiquito ou indemnización asina “Recibín non conforme” e non dispoñas do diñeiro (cheque, transferencia) que te entreguen. A liquidación e/ou finiquitos deben ser comprobados, hai moitos factores a ter en conta (antigüidade, vacacións pendentes, retribucións variables, etc.).



· Este cálculo da liquidación, finiquito e/ou indemnización é fundamental, ningunha empresa regala nada, con carácter xeral as empresas minoran o que teñen que pagar. Lembrade que os afiliados e afiliadas da CIG tedes dereito a asesoramento xurídico especializado.



· En relación á promesa de “volveremos contar contigo”, hai que dicir que Banesto non ten pactada ningunha bolsa de emprego, e as noticias que temos avanzan na liña de que non haberá novas contratacións, e as que podan darse de xeito puntual serán a través de ETT.



· Non deas por boas as causas para despedirte que alega o banco, estes despedimentos son inxustificados e inxustos. Recorre xudicialmente, a CIG está ao voso carón en defensa do posto de traballo.



Por último informar que xa mantivemos unha reunión con RRHH en Madrid, na que lle trasladamos o noso rexeitamento á política de despedimentos. Estamos a espera de máis información, pero non descartamos ningún tipo de resposta sindical.


Galiza, 25 de maio de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario