4 de nov. de 2011

Cartos non hai,pero de tempo andamos sobrados

Despois do parón dun mes sen reunións da mesa negociadora do Convenio, a reunión de hoxe non aportou ningún dato novo que vos achegar. Os motivos para tanto tempo entre reunións tiña que ser aproximar posturas e concretar propostas. O certo é que tan só se fixo un repaso xeral das plataformas que están sobre a mesa dende a primavera.

A AEB reafirma como eixos principais da negociación para un Convenio “viable”, baixo o argumento de que se a situación económica era mala en marzo agora é aínda peor, os seguintes:

- A conxelación de subas salariais para este ano e o que vén, coa habilitación dunha fórmula, que segue sen concretar para os dous anos seguintes en relación cos beneficios de cada entidade.

- O establecemento de protocolos de actuación responsable no tema de emprego para o panorama de fusións e redución de cadros de persoal que parece que se aproximan. Ao noso entender, buscan o respaldo sindical para tranquilizar ao persoal que se poida ver afectado, pero quedando cada empresa con toda a liberdade para actuar como lles pareza. Non seremos nós quen sexamos cómplices de tal despropósito, que ademais non debera ser materia de Convenio.

- Respecto do tema de pensións, queren adaptar o texto do Convenio á nova Lei de Pensións (promovida por CCOO e UGT) pero protexéndose, xa que o requisito principal para a AEB é que non lles supoña en ningún caso un maior custe económico.

Pola súa banda, os sindicatos maioritarios parecen dispostos a entrar a negociar todos estes temas. O que non acabamos de ver é en que beneficia ao persoal da banca.

Posición da CIG:

- Tras sete meses de reunións, non se produciron avances, e as reunións comezan a ter un ritmo mensual en lugar de quincenal.
- Non atopamos motivos que xustifiquen as posturas da patronal, xa que as entidades seguen a dar beneficios, nin entendemos a quen pode beneficiar ralentizar o ritmo das negociacións.
- De seguir así teremos que levar as nosas reivindicacións á rúa e diante da opinión pública. A defensa dos nosos dereitos como traballadores e traballadoras así o require.

A próxima reunión será o 23 de novembro. Seguiremos informando.
Galiza, 2 de novembro de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario