17 de dec. de 2012

O Santander absorbe Banesto

Ante a noticia da absorción de Banesto polo Santander, a nosa primeira preocupación, como non podía ser doutro xeito, é o emprego. Non hai nin un mes, demandabamos coñecer o futuro do Banesto, dado o duro proceso de reestruturación que estamos afrontando dende o ano 2008. Entendemos pois que remata unha incerteza, malia que se abren outras moitas.


Estamos ante unha decisión que con anterioridade xa tomaron outros grandes grupos bancarios do Estado (Popular ou BBVA). Neste senso, anticipándonos ás posibles repercusións laborais puxémonos en contacto coa Dirección de ambas Entidades.

O proceso de reestruturación do sistema financeiro está entrando en vías de conflito cada vez nun maior número de Entidades, froito da reforma laboral aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy. Consideramos que o proceso que deberemos afrontar no Santander/Banesto non pode entrar nese tipo de dinámicas, que non benefician en nada ao persoal, pero tampouco á empresa.

Sabemos que a absorción levará a duplicidades de oficinas e dos SSCC, nomeadamente das Territoriais a nivel galego. Dende a CIG demandamos, como primeiro paso cara a fusión, un Protocolo de garantía do emprego, que elimine incertezas.

Un Protocolo que debe ser negociado de xeito previo ao proceso formal de integración que deberá aprobarse polas respectivas Xuntas de Accionistas do Santander, Banesto e Baniff.

En todo caso, malia que non hai motivo de alarma, é importante estar alerta ante os acontecementos dos vindeiros meses. Os delegados e delegadas da CIG temos como prioridade a defensa do emprego e das condicións laborais, agardamos contar co voso apoio.

Galiza, 17 de decembro de 2012

Ningún comentario:

Publicar un comentario