18 de feb. de 2013

O sindicalismo alternativo non asinará o Protocolo de Fusión

As asembleas de afiliados e afiliadas das seccións sindicais de CGT, CIG, ELA, LAB e CSI, celebradas recentemente, decidiron rexeitar o protocolo de fusión subscrito entre o Grupo Santander e algúns sindicatos e, polo tanto, non adherirse á súa sinatura.
Definitivamente as asembleas de afiliados/as, que son as que nestas organizacións deciden democraticamente a posición do seu sindicato diante da sinatura de acordos, acordaron, despois de analizar con detalle o contido do mesmo, non adherirse ao protocolo de fusión por non consideralo o suficientemente garantista e polo tanto, por ser previsiblemente lesivo para os intereses dos traballadores e das traballadoras.
O Protocolo en cuestión é un cheque en branco que os sindicatos asinantes deron ao Banco para realizar un axuste dos cadros de persoal, que ademais asumiron como inevitable, outorgándolle todas as facilidades que para iso poñen a disposición das empresas as lamentables Reformas Laborais aprobadas polos gobernos de vez. É dicir, non conseguiron arrincar nin un só compromiso claro e inequívoco por parte do Banco de que non vai realizar traslados traumáticos, despedimentos colectivos ou despedimentos individuais obxectivos, como mecanismos do suposto axuste.
Sen este compromiso, non existe a garantía real de que o proceso de fusión non vaia ser traumático para o persoal. Os traballadores e as traballadoras poden verse na obriga de aceptar “voluntariamente” calquera proposta de reubicación, tanto interna como externa, incluso a outras empresas non bancarias do Grupo, ou de baixas incentivadas, posto que ante unha negativa, poderán ser ameazados/as cun despedimento obxectivo. Coñecendo como todos e todas coñecemos á Empresa, a ameaza será unha arma que esta utilizará como medida disuasoria e anuladora de vontades.
Esta representación sindical defendeu na mesa de negociación que a fusión é unha oportunidade excelente para reforzar os cadros de persoal da rede de oficinas, o que sen dúbida melloraría a atención e o servizo á clientela -un dos obxectivos supostamente perseguidos pola fusión- non dando polo tanto como válida a afirmación de que existe un sobrante indeterminado de traballadores e traballadoras. Igualmente defendemos a necesidade de que a Empresa renunciara, de modo tallante e sen ambigüidades, á utilización dos mecanismos de redución de persoal existentes no Estatuto dos Traballadores, poñendo enriba da mesa o Acordo de Garantía de Emprego subscrito con motivo da fusión do Banco Santander e Central Hispano, que foi modélico na súa aplicación e resultados. Lamentablemente estas propostas non contaron co apoio do sindicalismo institucional e foron polo tanto rexeitadas pola Empresa.
En definitiva, entendemos que un banco que, tal e como declaraba recentemente o seu Presidente, en 2012 obtivo “un beneficio atribuído de 2.205 millóns de euros”, mentres que “o beneficio antes de provisións acadou os 23.559 millóns de euros, o que sitúa a Banco Santander como o terceiro banco do mundo”, que se mantén “como primeiro banco da eurozona por capitalización bursátil” e que a diferenza da maioría de entidades financeiras “manterá a retribución aos seus 3,3 millóns de accionistas” -que teñen sido remunerados nos últimos cinco anos con 24.000 millóns de euros- non pode, nin debe, deixar ao seu persoal desamparado e sumido na maior das incertezas. Debemos lembrarlle que somos o seu mellor activo.
Do contrario, a pesares dos seus esforzos por diferenciarse diante da opinión pública e os mercados financeiros, de entidades intervidas con procesos de reducións drásticas e traumáticas de cadros de persoal, teremos que afirmar onde estimemos oportuno que non existe tal diferenza, máis aínda se o resultado desta fusión fose a perda masiva de postos de traballo.
En calquera caso esta representación sindical estará presente en todo o proceso de fusión e integración das tres entidades afectadas, pelexando por manter o emprego e os dereitos laborais do seu persoal.
15 de febreiro de 2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario