6 de mar. de 2013

Que quERE o Santander?

O 1 de marzo asistimos a unha reunión en Madrid para dar inicio ao período previo de negociación que o Convenio establece cando un Banco quere instar un ERE. O Santander non cuantificou o número de persoas afectadas, oficinas a pechar, nin facilitaron ningunha documentación.


Si puxeron por riba da mesa unha proposta verbal tanto das condicións das indemnizacións por extinción dos contratos, coma de modificación substanciais de condicións de traballo. Propostas que están pendente de concreción por escrito:

ERE extintivo coas seguintes indemnizacións:

Maiores de 58 anos: Indemnización equivalente ao 70% do salario; cotización á Seguridade Social ata os 63 anos. (Nun ERE por causas organizativas en caso de afectar a maiores de 55 a empresa ten a obriga de cotizar ata os 63).

Persoas con ata 49 anos: Propoñen unha indemnización de 33 días por ano traballado; din que habería un plus no caso de que se tratase de peticións voluntarias. É dicir si unha persoa afectada polo ERE decidira acollerse a unha baixa indemnizada, tería dereito a unha indemnización maior que si agarda a que a despida o banco (queren despedir pero sen marcharse as mans).

Modificación substancial das condicións de traballo.

No mesmo expediente, en base á reforma laboral, tramitarían unha modificación substancial das condicións de traballo, avisan que non se trata de igualar as condicións dun e doutro banco, si non de "converxer". Abordaremos nun comunicado posterior as modificacións propostas nesta materia.

Desgraciadamente o mellor banco do mundo, apúntase a moda dos ERE que se iniciou nas grandes empresas despois da reforma laboral aprobada polo Partido Popular. Ata o de agora o Santander tomou vantaxe, sen mover un dedo, a costa de Entidades que están na cabeza de todos e todas, o diñeiro viña só fuxindo desas Entidades. Pero semella que ninguén escarmenta en pel allea, e o Santander/Banesto parece disposto a seguir o camiño errado (pensando que é un atallo) que antes tomaron outros.

A CIG está en contra de que a fusión do Santander e Banesto leve a un ERE, outra cuestión é que ante a decisión da empresa, temos a obriga por responsabilidade de tratar de negociar as condicións do mesmo para evitar que sexa traumático. Neste senso a nosa posición é clara:

• Demandamos que a empresa facilite toda a documentación pertinente para poder facer unha contraproposta rigorosa co obxectivo de garantir os postos de traballo.

• Calquera medida debe ser voluntaria.

• A saída ao que cualifiquen como “excedente” debería ser a través dun proceso de prexubilacións aberto e voluntario, cunhas condicións dignas.

• Os Acordos asinados por outros sindicatos nas Entidades intervidas/nacionalizadas, non son un referente, nin un guión previo.

A CIG non presentará ningún tipo de proposta concreta mentres a Dirección non facilite máis información ao respecto, debemos ser rigorosos e fuxir do electoralismo ou a propaganda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario