11 de mar. de 2013

Negociación” Santander: O primeiro, o emprego


O 8 de marzo, Día da muller traballadora, foi o día elixido pola Dirección do Santander para manter a segunda reunión para abordar o "axuste" e a "converxencia". Á Dirección non lles gustou que a CIG informase sobre as intencións do banco, recriminándonos duramente que comunicásemos ao persoal a intención de promover un ERE.
Certamente, o Banco Santander quere iniciar un expediente de despedimentos colectivo; o que non quere, é a mala publicidade que dá despedir masivamente, e un posible conflito laboral. É por iso que nin sequera coñecemos o número de persoas afectadas, o que é obrigatorio legalmente; o banco pretende abrir un proceso de acollemento "voluntario" e con posterioridade impulsar o expediente de Despedimento Colectivo para esas persoas. O que nos deixaron claro é que, de non conseguilo pola vía da “negociación express” e da “voluntariedade”, aplicarían calquera recurso legal, pero “o obxectivo vaise a cumprir”, dixeron.
Requirimos coñecer o número de persoas "excedentes", nomeadamente en Galiza, pero non facilitan ningún tipo de información, o que dificulta a presentación de alternativas. Semella claro que, existindo un orzamento previo para prexubilacións, baixas indemnizadas e converxencia, incrementar unha partida é en detrimento de outra, e nós queremos un plan de prexubilacións. As baixas indemnizadas son despedimentos, e todos e todas sabemos como funcionan: “El banco no cuenta contigo, o te vas con esta indemnización o con nada".
Insistimos en que para a CIG, o fundamental é a empregabilidade; preferimos que a converxencia entre o persoal do Santander, Banesto e Baniff sexa nun maior prazo, se con iso podemos seguir traballando todos e todas.
Explicar que nas prexubilacións vía ERE, o/a traballador/a percibe unha indemnización (que pode ser nunha soa vez ou mensualmente) e que está exenta fiscalmente ata o tope da indemnización de despedimento improcedente. A parte de cobrar o desemprego.
Por último, salientamos que o Banco dixo que presentaría unha proposta case pechada o 12 de marzo, data fixada para a vindeira reunión. Agardamos que muden a súa posición, xa que a proposta actual é incluso inferior e peor que a que fixeron Entidades intervidas polo Estado.
Galiza, 11 de marzo de 2013. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario