15 de mar. de 2013

“Negociación” Santander: INSUFICIENTE


Onte, 12 de marzo, celebrouse unha nova reunión da comisión de seguimento do Pacto de Fusión, na que se están a desenvolver as ¿negociacións? para o “acordo” que dea cobertura ao plan de axuste de persoal pretendido pola empresa.
Despois dunha introdución, a representación empresarial modificou algúns aspectos do ofertado inicialmente: saídas anticipadas con cobertura do 75% do salario pensionable; indemnización das baixas incentivadas coas contías establecidas para o caso de despedimentos improcedentes; adianto da pensionabilidade das pagas de Banesto. En outros aspectos non se avanzou practicamente nada: condicións bancarias dos préstamos vivos co chan no 2% en Banesto; no Fondo Asistencial queren que queden só 450.000€ para atención a fillos/as con discapacidade, no lugar dos case 1.500.000€ que hai na actualidade.
Esperamos que na vindeira reunión do venres, exista unha modificación importante das posicións da empresa nestes aspectos, posto que a maioría da representación sindical rexeitamos a oferta por escasa. Os representantes da CIG manifestamos, unha vez máis, a nosa preocupación pola falta de datos nos distintos apartados do axuste do banco. Tamén reiteramos que este pretendido axuste, faríase máis facilmente cunha maior oferta económica nas saídas anticipadas e cunha rebaixa nas franxas de idade para poder acollerse a elas.
O axuste non pode ir polo camiño das baixas incentivadas. Todos e todas sabemos que, cando un compañeiro ou compañeira recibe unha oferta deste tipo, semella que non pode rexeitala, e non polo atractivo da mesma, senón porque a persoa sinte que a decisión está tomada, que o banco non conta con ela e que, se non acepta esta, terá outra peor no futuro inmediato. Por isto, o concepto de “voluntariedade” expresado no futuro acordo, queda totalmente anulado.
Dende a CIG seguimos insistindo, como xa afirmamos na primeira reunión, que o eixo fundamental desta negociación debe xirar ao redor da posibilidade das saídas anticipadas para o persoal, mediante prexubilacións.
Galiza, 13 de marzo de 2013. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario