19 de mar. de 2013

SantandERE

O 15 de marzo do 2013 foi un día histórico no Banco Santander: tras 4 sesións ¿negociadoras? asinouse o primeiro ERE nesta empresa que, ademais, é o primeiro dunha Entidade Financeira que, aparentemente, non ten problemas económicos.
Estamos ante un ERE que inclúe prexubilacións e baixas incentivadas; a empresa abrirá un prazo de “adhesións voluntarias” para logo, en base ás persoas “apuntadas”, iniciar o correspondente expediente de Despedimento colectivo. Se non se cubrisen os “excedentes” (que a empresa non cuantificou), iría a medidas forzosas. Malia que a lexislación obriga a cuantificar o “excedente”, a empresa pretende obviar este paso, para evitar o titular: O Banco Santander despedirá a x traballadores/as.
As condicións do expediente de Despedimento colectivo son as seguintes:
Prexubilacións: Abarca a compañeiras e compañeiros con 58 anos (en Madrid 55), e con xubilación obrigatoria aos 63 anos. Estas condicións son peores das pactadas con anterioridade nalgunha Entidade nacionalizada; menos mal que estamos no mellor banco do mundo.
·              Opción A, persoal coas pagas de convenio: Percibirá unha indemnización equivalente ao 80% dos conceptos pensionables, incluíndo o ¼ de paga de agosto ao do Santander e ½ paga non pensionable ao do Banesto.
·              Opción B, persoal con pacto de salario anual: Percibirá unha indemnización do 76% dos conceptos pensionables, máis o ¼ de paga, máis o 50% dos complementos non pensionables. No caso de procedencia Banesto recoñecendo a pensionabilidade das pagas que non o eran ata o momento.
Desemprego: Na reunión non quedou claro se o importe da prestación de desemprego á que o/a traballador/a ten dereito, descontaríase da % pactada en cada caso.
Baixas Incentivadas: Unha indemnización de 50 días por ano co máximo de 42 mensualidades. Afecta ás persoas menores de 50 anos.
Fiscalidade indemnizacións: Tanto nas prexubilacións, como nas baixas incentivadas, está exenta a parte equivalente á indemnización por despedimento improcedente (45 días/42 mensualidades ata a reforma laboral e 33 días/24 mensualidades dende aquela).
Con posterioridade iremos explicando outros puntos do ERE e das modificacións substanciais das condicións de traballo. En todo caso, o fundamental son os postos de traballo e, neste senso, son moitas as preguntas sen resposta: Cantos compañeiros e compañeiras perderán o seu emprego con este ERE? Cal é o número de excedentes previstos pola empresa? Por que non aceptaron a nosa proposta de incrementar o número de prexubilables e adiar a converxencia, para reducir os despedimentos?
Só hai unha cousa clara: o Santander é o primeiro banco “rentable” que aproveitará a reforma laboral para iniciar un ERE

Galiza, 19 de marzo de 2013

1 comentario:

Anónimo dixo...

Non teñen vergoña nin os empresarios nin os sindicatos que asinan semellante burla !!!

Publicar un comentario