As Direccións mandan nas
empresas, pero non deberían mandar nos sindicatos. Moitas veces, os traballadores e as traballadoras non
teñen máis opción que calar e tragar, pero os sindicatos temos a obriga de
dicir NON fronte aos abusos. Por iso nos
manifestamos por Ourense, concentrándonos en Caixabank, Caixa Geral,
Pastor-Popular, Santander, BBVA e Abanca.
As patronais do sector
financeiro preparan unha nova reconversión, pretenden desfacerse de milleiros
de traballadores e traballadoras. Ademais, a consecuencia será unha maior carga
de traballo para quen queden, e haberá unhas poucas contratacións de persoal
novo en peores condicións. Por aí van os tiros na “Negociación do Convenio”. As patronais puxeron por riba da mesa as
súas pretensións, e só se fala do que eles queren: despedir máis, explotarnos
máis e precarizar máis.
O que vivimos día a día nos postos de traballo é inxusto,
coma inxusto é que aínda por riba, as Direccións pretendan recortarnos
salarios. Pagar menos por máis traballo. As cousas non cambiarán por si soas, é
preciso contestar cada golpe, denunciar cada abuso, combater cada recorte.
Dentro do banco mandan eles, pero a rúa é nosa e por iso, o pasado 13 de
novembro saímos de novo á rúa.
Non cederemos. A CIG non será cómplice das patronais.
Galiza, 17 de novembro de 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario